Monday 06 de May de 2024

Presentación de Cuidadanas, novo ciclo de charlas sobre os coidados de persoas dependentes e coidadoras


Está organizado pola Fundación Mujeres en colaboración co CIM da Mancomunidade. A presentación tivo lugar esta mañá e nela abordáronse aspectos relacionados coa saúde e o autocoidadado das persoas coidadoras

Esta mañá a Fundación Mujeres, en colaboración co CIM da Mancomunidade de Ordes, presentou en Ordes a charla “Saúde e autocoidado para coidadoras”. Impartida por Verónica Mosquera, técnica de intervención social da Fundación Mujeres, especializada en intelixencia emocional e coach, abordouse o coidado de persoas dependentes e o autocoidado, ademais de presentarse o ciclo de charlas denominado Cuidadanas. Este desenvolverase ao longo do vindeiro mes de xuño e nel poderán participar coidadoras e coidadores informais que habitualmente coidan doutras persoas nos seus fogares.

As sesións previstas son as seguintes: ‘Emocionarte, a arte das emocións. Análise da xestión emocional’ (6h), ‘Aprendemos a xestionar o sentimento de culpa’ (2h) e ‘Aprendemos a negociar. Chantaxe emocional’ (2h). O dito ciclo de charlas desenvolverase os venres 1, 8, 15, 22, 29 de xuño de 10.30 a 12:30 horas na aula de formación tamén situada nos baixos da alameda. As persoas interesadas xa se poden poñer en contacto co CIM da Mancomunidade de Ordes para solicitar máis información ou ben inscribirse.
O Servizo de Apoio Integral a Coidadoras (SAIC) é un proxecto dirixido a mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas coidadoras non profesionais no ámbito familiar. Con isto preténdese complementar aos xa existentes no eido da dependencia e comprende actuacións como información e asesoramento especializados, apoio psicolóxico e emocional, obradoiros formativos, grupos de axuda mutua e acompañamento a persoas maiores dependentes.
Entre os obxectivos específicos que se perseguen están os de facilitar información sobre o SAIC e sobre outros servizos e recursos existentes de interese; ofrecer asesoramento individualizado e seguimento continuo de cada caso; prestar apoio psicolóxico e emocional; mellorar as estratexias de autocoidado; facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e ás comunidades en liña; fomentar a corresponsabilidade na cidadanía e promover a formación de redes de apoio mutuo entre coidadoras; fomentar a activación persoal, sociocultural e laboral das coidadoras; promover o voluntariado; ensaiar a creación de distintas medidas de apoio á conciliación; e sensibilizar ao persoal sociosanitario do ámbito da dependencia sobre os factores de xénero que inflúen na cidadanía.